16 persoas en situación de desemprego veñen de rematar a primeira parte da formación do Curso de Soldadura, organizado pola Concellería de Emprego e Igualdade, que dirixe Soledad Girón, e que tivo unha duración de 40 horas.
Todas e todos empezaron este mesmo luns semana as prácticas, que durarán ate ao 22 de maio, en varias empresas do Porriño, a meirande parte deles, 12 exactamente, en Gestamp, grupo internacional adicado ao deseño, desenrolo e fabricación de compoñentes metálicos para o automóvil que ten un plantel de 407 empregadas en empregados no Porriño, de cara a súa posible integración laboral nas mesmas.
A metade dos participantes neste curso forman parte do Programa ‘Porriño Accede’, posto en marcha polo Goberno local e que mediante convenios asinados con empresas, especialmente dos polígonos industriais do Porriño, deseña programas de formación específicos adaptados ás necesidades de persoal desas empresas.
Estes acordos entre o Concello do Porriño con diferentes compañías fixo posible que o ano pasado das 120 persoas que estaban neste programa 67 atoparan traballo logo de rematar a súa formación, o cal representa preto dun 56% do total, unha porcentaxe que chega ao 73%-preto de dous de cada tres- en canto se refire a sinatura de contratos laborais en empresas da automoción.
A outra metade proceden do Plan Integral de Emprego para Mulleres (PIEM), no que están integradas 85 porriñesas, na súa maioría menores de 30 anos, sen cualificación profesional.
11 integrantes do PIEM están xa traballando en Viza automoción
Once das integrantes do Plan Integral de Emprego para Mulleres, que tamén se formaran nun taller de soldadura, están traballando na actualidade en Viza Automoción, logo do convenio subscrito co Concello para a formación das mesmas a a súa incorporación coma soldadoras nesta compañía, que na actualidade emprega a 500 traballadores e traballadoras na súa planta do Porriño e que subministra os seus produtos a grupos tan importantes coma PSA Peugeot Citroën, Audi, Renault, Volkswagen, Mercedes, Toyota ou Porsche.