Teatro, música, obradoiros para nenas e nenos, disfraces, máscaras, , comparsas, festa infantil ou animación na rúa, forman parte do programa do ‘Entroido 2018’ do Porriño, que empezará a celebrarse o vindeiro día 9 de febreiro, venres, co concerto do Grupo América (ás 8 e media da tarde) na Praza de Antonio Palacios.
Un dos ‘días grandes’ será o sábado, 10, no que está previsto o pregón, á 1 da tarde, o ‘Xantar do Entroido’, a celebración da 75ª edición do Xogo da Ola, o primeiro Desfile de Comparsas (dende as 6 da tarde), para o que están inscritas, ata este mércores 13 de adultos e 3 infantís, e a ‘Gran Festa Rachada’, co grupo ‘Versionettes’.
Nos seguintes días seguirá a Festa Infantil, co Pallaso Popín (domingo, 11), o Grande Desfile de Comparsas (o martes, día 13) e, o mércores 14, chegará outro dos grandes intres deste Entroido co ‘Velorio da Sardiña’, no Centro Recreativo e Cultural (dende as 5 da tarde); o ‘Enterro da Sardiña’ (dende as 19 h.), a Lectura do Testamento, na Praza de Antonio Palacios, e a Queima da Sardiña, na Ponte do Valo.