O Porriño liderou en outubro, xunto con Salceda de Caselas, a creación de emprego na Área Metropolitana de Vigo, como xa pasara no me de setembro. A finais do mes pasado había na vila 1.642 persoas desempregadas, unha realidade inaudita no Porriño dende hai preto dunha década.

Dacordo cos datos publicados este venres polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social e pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta da Galicia,a  taxa de desemprego situouse no Porriño no 17,8%, en total 5,3 puntos menos que cando o actual Goberno Local empezara  o seu mandato, cando 2.139 porriñeses estaban na procura dun posto de traballo, preto de 500 máis que na actualidade.

En relación co mes de outubro de 2016, o número de veciñas e veciños anotadas coma demandantes na oficina do Servizo Galego de Emprego do Porriño baixou de 1.893 a 1.642, o que supón que hai 251 traballadoras e traballadores máis no concello: en so un ano o paro caeu preto de 3 puntos.

A alcaldesa, Eva García de la Torre subliña que os actuáis datos de creación de emprego no Porriño son aínda máis esperanzadores tendo en conta que en xullo de 2015, cando o actual Goberno municipal iniciara a súa xestión, había na vila 18.500 habitantes e hoxe supera os 20.000.

García de la Torre, que fuxe de calquera tipo de confianza, reitera que “a creación de emprego é a nosa primeira preocupación e o eixe esencial da nosa xestión”. Neste eido, amósase convencida que as medidas que estamos a impulsar dende a Concellería de Emprego, que dirixe Soledad Girón, “funcionan” e lembra entre elas o programa ‘Porriño Accede’, baseado en convenios asinados entre o Concello e empresas da vila, grazas ao cal hai ducias de veciñas e veciños que volveron ao mercado laboral ou empezaron a traballar.

Do mesmo xeito, tamén están a facilitar o descenso do paro os ‘Plans de Emprego’, posibles en base a un acordo coa Deputación de Pontevedra e do investimento de máis de 60.000€ de fondos municipais no que vai deste ano.

A alcaldesa sinala, por último, como unha importante contribución á creación de emprego o  feito de chegar a entendementos con outras administracións, obtendo axudas e subvencións que tiveron coma destino accións que serviron para incrementar as probabilidades de empregabilidade das veciñas e veciños do Porriño.