A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, acompañada pola concelleira de Benestar, Igualdade e Emprego, Soledad Girón, fixo entrega este xoves na  Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica, Rede CeMIT, do Porrriño, dos diplomas aos alumnos a alumnas que participaron nos talleres programados dende o mes de xuño.

A oferta formativa impartida, foi  moi variada; Iniciación á informática (2 edicións), Edición de imaxes con Gimp, Google APPS,  Deseño con Qcad, Crea a tua tenda virtual con OpenCart, Creación de páxinas Web con WordPress, Libre Office Base, Libre Office Calc,Ofimática con Libre Office- CODIX, e Microsoft Office Word.

A aula CeMIT impartiu máis de 220 horas de formación gratuíta, da que se beneficiaron 62 veciños e veciñas do Porriño que tiveron, así, a ocasión de mellorar non so os seus coñecementos nestes eidos, senón de mellorar as súas posibilidades de empregabilidade.

Este é, como insiste a alcaldesa, o obxectivo “principal”, da xestión do actual Goberno Municipal: “a diminución do paro no Porriño incrementando as accións, proxectos e iniciativas formativas que, como sinalan os datos do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, permitíronos reducir o desemprego en 500 persoas e baixar o mesmo na nosa vila de máis do 24 ao 18,6%”

A Rede CeMIT , como indica Ana María Pérez Martínez, responsábel desta aula no Porriño,  configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega.

A Rede CeMIT ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.