A Deputación de Pontevedra vén de anunciar oficialmente no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) a contratación dos traballos de mellora da intersección da EP-2405 con dúas vías municipais no lugar de A Costeira, en O Porriño. O prazo de presentación das ofertas finaliza o vindeiro 24 de outubro, e a adxudicación realizarase mediante procedemento aberto.
O orzamento global da actuación é de 220.336,36€ dos que 198.801,60 euros están previstos para a realización da obra e a cifra restante para as expropiacións necesarias. Nos criterios de adxudicación do contrato avaliaranse o programa e equipa de traballo, o plan de control de calidade, a memoria e o plan de actuacións ambientais, se ben o prezo ofertado suporá para as empresas unha puntuación máxima do 55% do total.
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, afirma que a renovación deste cruce en O Porriño para mellorar a visibilidade dos vehículos e garantir o tránsito peonil aos veciños e veciñas foi unha petición do goberno que encabeza Eva García de la Torre que encaixa “nas prioridades e eixos estratéxicos da Deputación de mellora da seguranza viaria nas estradas provinciais”.
De feito, indicou que a institución provincial ten en marcha un plan xeral de mellora de interseccións para eliminar puntos de sinistralidade na rede viaria propia e que esta en concreto é unha das máis problemáticas da provincia pola afluencia de vehículos pesados que se dirixen ao parque empresarial das Gándaras e ao Centro Tecnolóxico do Automóbil.
Benitez explica que a actuación consistirá na instalación dunha nova glorieta de reordenación do tráfico para mellorar a seguranza viaria, suavizar o trazado e mellorar as condicións de visibilidade e manobra. Para resolver a intersección ocuparanse dúas parcelas privadas e unha municipal e veranse afectadas dúas construcións, un alpendre-almacén e unha marquesiña de bus na parcela municipal, cuxa demolición e nova instalación se inclúe no orzamento do proxecto.
Ademais, urbanizarase a zona con beirarrúas para prestar continuidade ao tránsito peonil, habilitaranse pasos de peóns e a limitación específica de velocidade baixará de 50 a 30 quilómetros hora. Tamén se instalarán oito luminarias tipo led.