Logo da celebración os pasados días da Xunta Local de Seguridade do Porriño, na que, entre outros temas, abordárase a coordinación de servizos conxuntos entre a Policía Local do Porriño e a Garda Civil, este martes realizouse o primeiros destes servizos conxuntos co arresto de Y.C.G, de 30 anos de idade, que tiña unha orde de detención e ingreso na cadea dende hai máis de dous anos.

Os feitos sucederon sobre as 9 da maña: a Policía Local de Vigo alertou á do Porriño que logo de comprobar a documentación dun vehículo verificouse que o condutor do mesmo posuía unha orde ditada polo Xulgado do Penal de Vigo para a súa detención e ingreso no cárcere.

Axentes da Policía Local e da Garda Civil do Porriño procederon ao seu arresto pouco antes da 1 da tarde e trasladaron ao detido ao Centro Penitenciario de A Lama.

Segundo subliña o xefe da Policía Local do Porriño, Daniel Rodríguez, “o obxectivo e sumar esforzos entre distintos corpos policiais e que ese feito contribúa no servizo aos veciños e a lograr un estado de seguridade óptimo”.