‘Merca na Rúa’ ofrecerá artigos rebaixados “nunha cantidade tal que non sería posible atopalos a este prezo nas tendas”. Isto subliñou este mércores a presidenta da Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR).
Juana Pérez, xunto co concelleiro de Comercio , Marcelino Coto, e a xerente da asociación, Noelia Conde, presentou este mércores a XVII edición desta cita que, coma subliñou o concelleiro, “é xa un referente dentro e fora da nosa vila”.
Un total de 20 establecementos ofrecerán artigos deportivos, complementos, calzados, produtos de óptica, roupa para cativos ou confección, nos 22 postos que estarán abertos ao público na Praza de Antonio Palacios e na rúa peonil do Porriño, de 10 da mañá a 9 e media da da noite, ininterrompidamente, o sábado, día 10, e de 11 da mañá a 8 e media da tarde, o domingo, 10 de setembro.
Marcelino Coto salientou o feito de que ‘Merca na rúa’ ocupe, de novo, o seu espazo tradicional e, unha edición máis, “e con esta xa son 17”, reafirmou o apoio do Goberno local a esta “estupenda iniciativa de ACIPOR”.
O concelleiro lembrou que haberá todo un programa de actividades para as nenas e nenos, “para que os seus país e avós poidan comprar con tranquilidade”, entre elas inchábeis, na Praza de Antonio Palacios.
Coto, quen invitou a todo o mundo a achegarse ao Porriño esta fin de semana, comentou que o Concello asume, tamén, os custes de alumeado, megafonía, limpeza, colocación de probadores, as atraccións para os pícaros e a “vixianza de seguridade dos postos, para que os expositores non teñan que recoller e desmontar os mesmos pola noite”, unha labor de garda na que desempeñará un papel esencial a Policía Local.
O concelleiro subliñou o “excelente” momento que vive o comercio local, indicando que “o 90% dos locais e baixos comerciais” do Porriño están xa ocupados e que baixou, de xeito notable, o número de negocios que pechan e que, “aínda neste caso son substituídos por outros do mesmo ou de outro sector”.
O concelleiro puxo coma exemplo da súa afirmación o “éxito” de todo o “que se fai no Porriño funciona, dende o Pinchorriño, pasando por Merca na rúa, que precisa dúas edicións anuais pola súa grande aceptación, e rematando na Festa dos Callos, que este ano establecerá unha nova marca de participación”.