Porrigalia 2017 segue este sábado, día 22, pero con algúns cambios, por mor da choiva, na programación prevista para hoxe.
A loita romana,anunciada para a 1 da tarde, pasa ás 6 da tarde, no mesmo lugar: a Praza de Antonio Palacios; rematada a loita darán comezo os Xogos- Tiro de corda, Tragabolas, Cuadrigas, Tres en raia, Canasta, Tiro, Esquis Comunitarios e Tiratacos-, tamén na Praza de Antonio Palacios.
‘Pekegalia e Bebegalia’, anunciados para as 6 da tarde fronte á Igrexa de Santa María do Porriño, adiántanse ás 4 da tarde, no mesmo lugar.
Mantense na súa hora o concerto dos míticos ‘Obús’, que comezará ás 23:30 h. en Domingo Bueno.
Este venres, milleiros de persoas participaron no primeiro día de Porrigalia 2017 que quedou aberto co ‘Defile das Civilizacións’, que saíu ás 9 da noite da Capela de San Sebastián e rematou diante do Concello, na Praza de Antonio Palacios, na que se instalaran gradas e unha pantalla xigante para a ocasión.
Romanos, galos, exipcios, vikingos, celtas, gregos e castrexos, desfilaron diante do público, montados a cabalo, bailando, facendo piruetas, brincando e desafianzo o poderío do exército de Roma, que ‘conquistou’ o centro da vila coas súas lexións.
Pasadas as 10 da noite, o campión de España de Aro, integrante do Club Ximnasia Porriño, Hernán Sío, xunto coa alcaldesa, Eva García de la Torre, prendeu o pebeteiro, situado na porta principal do Concello, dando por inaugurada esta nova edición de Porrigalia.
De seguido, na rúa Domingo Bueno, empezou o concerto banda galega Astarot, ‘a lenda viva do rock galego’, que tocou os temas do seu novo traballo e os xa históricos do grupo, atendendo as peticións do público.