O número de parados descendeu o o mes de xuño no Porriño en 72 persoas, segundo informou este martes o Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Dacordo cos mesmos, na vila hai 1.705 desempregados anotados nas listas da oficina do Servizo Galego de Emprego.
Trátase do mellor dato de emprego dende 2009 e sitúa o paro no Porriño no 18,7% de paro amosando unha baixada que fai que o número de veciñas e veciños sen traballo se achegue aos 1.700, o cal non pasaba dende finais de 2008.
En relación co mes de xuño de 2016 o desemprego descendeu no Porriño en 314 persoas, pasando de 2.019 a 1.705 e, porcentualmente, do 23,4 ao 18,7%, preto de 4 puntos nun ano.
Dacordo coas cifras oficiais sobre a evolución do paro, dende que actual Goberno local tomara posesión, o desemprego no Porriño reduciuse de 2.139 persoas en xuño de 2015 a 1.705 este mes de xuño, o que supón a creación de 434 empregos e unha caída do paro dun 5%.
A concelleira de Emprego, Soledad Girón reitera que a creación de postos de traballo segue a ser a prioridade número un do Goberno municipal e reitera que as iniciativas promovidas dende o Concello “funcionan”.
A concelleira fai referencia aos acordos con empresas para a formación de traballadores desempregados; os ‘Plans de Emprego’, que foron posibles logo da sinatura dun convenio coa Deputación de Pontevedra e do investimento de fondos municipais, de preto de medio millón de euros no que vai deste ano, e o feito de buscar e promover o entendemento con outras administracións.
Neste senso, este mesmo venres, día 7 de xuño,a Concellería de Emprego organiza ‘Recursos para o acceso ao emprego’, unha xornada na que se fará unha exposición dos recursos que ofrece o Concello para a busca de emprego e daqueles acordos aos que chegou coas empresas da contorna para a execución de programas formativos.