O Concello está a levar a cabo unha completa labor de limpeza no Porriño, traballos que, como adiantara hai unhas semanas a alcaldesa, Eva García de la Torre, chegará a todas as parroquias.
Nas mesmas estase a completar o desborde dos camiños, corte de maleza, retirada de silvas, saneamento de pontes e sendas, corte de herbas, roza, poda de árbores, mellora dos xardíns, arranxo de parques, aviado de pistas e beiravías ou colocación e baldeado de colectores do lixo.
Dentro deses traballos completouse a limpeza de beirarrúas, escaleiras e prazas de Torneiros con maquinaria a presión e chegando a puntos que, subliña a alcaldesa “non se limparan nunca en máis dunha década” e que presentaba un aspecto “lamentable e descoidado e que, maila as constantes queixas dos veciños, nunca se adecentaran”.
García de la Torre subliña que estes traballos seguirán por todas as parroquias, sumaranse aos realizados en diferentes partes da vila, nos que se completan “a diario” labores de desborde, baldeo, corte de céspede, retirada de lixo e moblaxe e varrido.
Así mesmo, axiña estará rematada xa a recuperación e reforma da práctica totalidade dos parques infantís do Porriño, coma os da Praza do Cristo, Centro Social de Atios, os de Orbenlle, e A Forna, na parroquia de Budiño, os dos centros sociais de Mosende e Pontellas, o de Torneiros, o da rúa Pío XII ou o do Matadeiro, varios dos cales xa están listos para o gozo dos cativos e, nalgúns casos, de maiores, posto que incorporan compoñentes biosaudabeis-como timóns, andadores, volantes ou barras paralelas-, e elementos para persoas con diversidade funcional.