A alcaldesa comprométese coa Asociación de Veciños de Cans a acometer distintas melloras na parroquia e presentoulles unha idea para cubrir o Torreiro e humanizar a contorna
A alcaldesa, acompañada da concelleira de Emprego e Igualdade mantivo unha xuntanza con membros da Asociación de Veciños de Cans para coñecer ás súas necesidades e transmitirlles o seu compromiso persoal e do do Goberno local para acometer as melloras que precisa a parroquia.
Eva García de la Torre presentoulles unha idea para cubrir o Torreiro, de xeito que poida usarse durante moitos máis días ao ano, unha obra que é posible acometer en pouco tempo.
Ademais, sinalou que no marco dese traballo se adiantará en conquerir un entorno máis habitábel e se rematarán as accións de saneamento que precisa Cans.
Os representantes da Asociación de Veciños expuxéronlle a rexedora unha lista de necesidades, parte das cales abordará xa o Concello, coma o arranxo das ‘marquesiñas’ e a colocación dunha nova na zona da gasolineira- para o transporte escolar-; achegar a rede wi-fi, formar ás persoas máis vellas nas novas tecnoloxías- o Goberno local disporá a realización dun curso destinado a exclusivamente a elas- e a humanización de parte da parroquia.
Así mesmo, os veciños amosaron á alcaldesa a súa satisfacción pola mellora da limpeza e, especialmente, polo remate do rozado de camiños e pistas, que era unha reclamación que se lle fixera ao Concello.