Eva García de la Torre participa nos actos de celebración do ‘Día Internacional do Pobo Xitano’ e pon a O Porriño de exemplo de convivencia plena, dende hai décadas, entre paios e xitanos
A alcaldesa, acompañada polas concelleiras de Educación, Lourdes Moure, e Igualdade, Soledad Girón, participou este venres no CEIP da Ribeira, en Torneiros, na celebración do Día Internacional do Pobo Xitano, que se celebra en todo o mundo o 8 de abril.
Este día lembra o Primeiro Congreso Mundial Romaní-Xitano que tivo lugar en Londres el 8 de abril de 1971 e no que se instituíu a bandeira e o himno xitano.
A bandeira é verde e azul-simbolizando o ceo e o campo- cunha roda de carro, vermella, no centro, que representa o camiño dende a India cara a liberdade. O himno xitano, ‘Gelem, gelem’ (Andive, andive), foi composto polo autor Jarko Jovanovic en homenaxe ás xitanas e xitanos asasinados polo nazismo.
A finalidade desta data, como subliñou Eva García de la Torre, ten que ser facer que sexa verdade o fin dos prexuízos existentes cara a poboación xitana, coñecendo a súa realidade para chegar a unha convivencia plena.
A alcaldesa, que gozou dos actos organizados no CEIP da Ribeira, sumándose aos bailes e actividades programadas, puxo ao Porriño coma exemplo desa convivencia en harmonía entre paios e xitanos “unha convivencia que é algo natural dende hai décadas e da que podemos presumir, da que estamos satisfeitos e da que debemos estar moi orgullosos”.
Eva García de la Torre sinalou coma unha clara realidade deste feito o CEIP da Ribeira onde “a tradición e os costumes xitanos se incorporan á formación de todas as alumnas e alumnos do centro”, como se pode ver na participación neste acto e na exposición aberta sobre a historia e o patrimonio cultural do pobo xitano.