• O alcalde Alejandro Lorenzo recibiuna hoxe no Concello e desexoulle moita sorte de cara a gala que se celebrará o vindeiro sábado en Santiago de Compostela

O Porriño, 26 de novembro de 2025.- O alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, mantivo hoxe unha reunión con Beatriz Quintela, candidata que representará ao municipio no certame nacional de beleza RNB España, nun encontro destinado a trasladarlle o apoio institucional antes da súa participación.

Beatriz Quintela, de 36 anos, está a cursar o Grao Superior en Comercio Internacional, formación que compaxina coa súa paixón polos certames de beleza. Segundo explica, decidiu formar parte do RNB (Reinado Nacional de Beleza) porque “é unha oportunidade tamén para as mulleres adultas, xa que antes había límites de idade, e tamén me axuda no meu futuro profesional: non se trata só da imaxe, senón de ter unha boa oratoria e saber transmitir”.

A candidata xa conta cun destacado percorrido neste ámbito, posto que foi gañadora do certame Mrs Universal Woman Galicia 2023, un título que supuxo un importante impulso á súa traxectoria.

A pesar de ser natural de Vigo, Beatriz mantén un vínculo moi forte co Porriño, o seu pai criouse no municipio e a súa familia paterna viviu tradicionalmente no barrio da Pereira, onde residían os seus avós. Por iso, afirma que representar ao concello “é unha maneira bonita de homenaxear as miñas raíces e a historia da miña familia”.

Esta será a súa primeira participación no RNB, aínda que xa competiu noutros certames nos que chegou a ser gañadora. Para ela, o máis importante é “gozar da experiencia, coñecer xente que comparte esta afección e aproveitar a oportunidade de abrir portas e transmitir unha mensaxe durante o reinado”. De resultar clasificada, accedería ao certame nacional de España, previsto para o vindeiro ano.

O certame galego celebrarase este sábado en Santiago de Compostela, nunha gala que constitúe a última fase autonómica. A concursante que resulte gañadora representará ao seu concello e tamén á provincia, obtendo directamente a praza para participar no certame nacional de España previsto para o vindeiro ano. O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou o mérito persoal e o compromiso da candidata, sinalando “o valor de acompañar a persoas que representan con orgullo o nome do Porriño”.

O Concello do Porriño deséxalle a Beatriz Quintela moita sorte de cara ao certame.