• Concello prevé actuacións en Torneiros, no velódromo municipal e nas parroquias, poñendo o foco na mellora das infraestruturas e servizos básicos
  • O alcalde, Alejandro Lorenzo, agradece á Deputación e ao seu presidente, Luis López, “o compromiso con Porriño e a sensibilidade amosada atendendo ás nosas demandas”

O Porriño, 23 de outubro de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, presentou esta mañá os proxectos que o Concello levará ante a Deputación de Pontevedra para optar ás diferentes liñas de axuda correspondentes aos exercicios 2026 e 2027. En conxunto, estas actuacións supoñen un investimento que supera os cinco millóns de euros, financiados de maneira conxunta pola Deputación e o Concello, e teñen como obxectivo mellorar a calidade de vida da veciñanza e avanzar na vertebración e cohesión territorial do municipio, con especial atención ás parroquias.

Entre as actuacións previstas destaca a rexeneración urbana do núcleo de Torneiros, un proxecto estratéxico que se enmarca no Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra. A iniciativa busca mellorar o medio ambiente urbano e fomentar a mobilidade peonil mediante a redistribución do espazo viario. Prevese ampliar as zonas peonís, mellorar as beirarrúas e a iluminación, eliminar barreiras arquitectónicas e incorporar vexetación e mobiliario urbano. O investimento inicial previsto ascende aos dous millóns de euros. “O proxecto de Torneiros busca humanizar a contorna dos cinco polígonos residenciais da parroquia; é unha prioridade porque supón mellorar o día a día da veciñanza e recuperar espazos públicos de calidade. Queremos un Porriño máis humano, accesible e pensado para as persoas”, destacou o alcalde.

Outra das grandes intervencións previstas é a remodelación integral das instalacións do velódromo municipal, no marco do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Con 600.000 euros de investimento, o Concello aposta por converter este espazo, inaugurado en 1993 e único en Galicia, nun centro de referencia para os deportes urbanos. O proxecto contempla a construción dun skatepark e dun pumptrack, así como a mellora das gradas —coas súas correspondentes impermeabilizacións e cubrición—, a reparación e panelado de fachadas, e actuacións nos paramentos interiores da edificación, habilitando locais que se destinarán a clubs, asociacións e agrupacións. Tamén se prevé a instalación de iluminación, sistemas de pluviais e rega, e novo mobiliario urbano, garantindo unha correcta integración paisaxística e un espazo seguro e accesible para todas as idades. “O velódromo municipal é un símbolo para o Porriño e queremos que siga sendo un referente, pero tamén que evolucione para adaptarse ás novas demandas deportivas. O skatepark e o pumptrack converterán esta área nun punto de encontro e atracción turística”, sinalou Lorenzo.

Xunto a estas actuacións, o Concello presentará tamén unha serie de proxectos no marco do Plan + Provincia, destinados principalmente a reforzar os servizos básicos no rural. A prioridade céntrase na rede de saneamento, unha demanda histórica da veciñanza que permitirá mellorar a calidade de vida nas parroquias e avanzar cara a un territorio máis vertebrado, sostible e igualitario. Así mesmo, incluiranse accións de acondicionamento, asfaltado e mantemento da rede viaria municipal, co propósito de mellorar a mobilidade, a seguridade e a conectividade entre os distintos núcleos de poboación. “Queremos un Porriño equilibrado, onde o rural teña as mesmas oportunidades e servizos ca o centro urbano. Estes proxectos son un paso máis para garantir unha mellor calidade de vida e avanzar cara a un territorio sostible e igualitario”, subliñou o rexedor.

A maiores destes tres plans, tamén se vén de confirmar outra actuación subvencionada polo ente provincial, para o acondicionamento dunha senda peonil na estrada provincial no barrio de Casal, na parroquia de Budiño.

Alejandro Lorenzo expresou o seu agradecemento á Deputación de Pontevedra e ao seu presidente, Luis López, “polo compromiso constante con Porriño e pola sensibilidade amosada atendendo ás nosas demandas na medida do posible”. O alcalde destacou a importancia da cooperación institucional, sinalando que “a colaboración entre administracións é o que fai posible que proxectos coma estes se convertan en realidade e melloren a vida da nosa veciñanza”.