• A actividade con inicio e fin na Praza Arquitecto Antonio Palacios, está aberta a persoas de todas as idades e require inscrición previa
  • A saída será ás 09.30 horas e realizarase un percorrido de 8 quilómetros

O Porriño, 23 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño convida a toda a veciñanza a participar na tradicional ruta ciclista pensada para todas as idades, que se celebrará o vindeiro domingo, 26 de outubro, cun percorrido circular de 8 quilómetros que partirá e rematará na Praza Arquitecto Antonio Palacios.

A actividade, de carácter recreativo e familiar, pretende fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte sostible e saudable, ao tempo que promove a convivencia entre veciños e veciñas de todas as xeracións.

A saída está prevista para as 09.30 horas, diante da Casa Consistorial. As persoas interesadas poden inscribirse previamente en liña a través da seguinte ligazón https://forms.gle/is2TgnQ6u8vMTETf9 ou no mesmo día do evento, achegándose á zona de saída con antelación suficiente.

“Queremos que esta ruta sexa, como sempre foi, unha festa da bicicleta e da convivencia”, destaca o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, quen subliñou o compromiso do goberno local coa promoción do deporte, de hábitos de vida saudables e o respecto polo medio ambiente. “É unha oportunidade perfecta para desfrutar en familia, redescubrir a nosa contorna e facer deporte de maneira segura e divertida”, engadiu.

Desde o Concello faise un chamamento a participar nunha xornada que promete ser “un punto de encontro para todas as idades”, animando tamén a todas as persoas asistentes a circular con responsabilidade e empregar casco e roupa adecuada. Ademais, á chegada haberá recompensa, chocolate de balde para todos.