• A tradicional feira de oportunidades do comercio local celébrase dende hoxe e continuará mañá sábado en horario ininterrompido, de dez da mañá ata as nove da noite, cunha vintena de postos
  • O alcalde Alejandro Lorenzo e o director Xeral de Comercio e Consumo, Grabiel Alén, estiveron na zona peonil esta tarde visitando a feira

O Porriño, 12 de setembro de 2025.- Desde hoxe venres e ata mañá sábado, ás nove da noite, a zona peonil do Concello do Porriño acolle a tradicional feira de oportunidades, Merca na rúa, organizada pola Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (Acipor) coa colaboración do Concello e da Xunta de Galicia. Durante estes dous días, un total de 21 establecementos comerciais ofrecen importantes descontos que parten do 50%, en produtos de sectores como o téxtil, calzado, complementos, deportes e incluso viaxes, así como unha ampla programación de actividades dirixida a tódolos públicos.

A iniciativa, que chega xa a súa trixésimo segunda edición, está tendo unha boa acollida, esperándose que durante esta tarde e mañá, cadrando en fin de semana e acompañando a boa climatoloxía, aumente aínda máis o público asistente. Precisamente, o director Xeral de Comercio e Consumo, Grabiel Alén, visitou esta tarde a feira acompañado do alcalde Alejandro Lorenzo, quen incidiu na importancia que ten este evento “para o noso comercio de proximidade, un dos motores económicos da vila. Esta feira non só ofrece descontos atractivos, senón que tamén enche as rúas de dinamismo e alegría, promovendo a participación da veciñanza e visitantes. Desde o Concello continuaremos traballando para apoiar iniciativas como esta, que fortalecen a economía local e manteñen viva a esencia do noso municipio”. Ambos destacaron a importancia de apoiar ao comercio local e animaron á veciñanza a aproveitar as oportunidades que se ofrecen nesta feira.

De xeito paralelo ás compras, os asistentes poden desfrutar das actividades programadas. Así hoxe, de 16.00 a 19.00 horas, haberá inchables para os máis pequenos e mañá volverá habelos pola tarde e tamén en horario de mañá, de 11.00 a 14.00. Para a cativada organízanse ademais obradoiros, os dous días entre as 18.00 a 20.00 horas. O público adulto ten unha cita hoxe, ás 20.00 horas, co humor de marcos Pereiro e Federico Pérez co seu espectáculo “Os tristes” e mañá, ás 18.00 horas, taller creativo de moda que permitirá aos participantes aprender a actualizar looks e combinar prendas adquiridas na propia feira, rematando cunha mini pasarela divertida.