- A proba de motociclismo celebrarase o vindeiro domingo, ás 18.00 horas, no velódromo municipal
O Porriño, 5 de setembro de 2025.- Unha vintena de pilotos de España e Portugal participarán no XX Dirt-Track Xacob Agra que se celebrará o vindeiro domingo, 7 de setembro, no velódromo municipal a partir das 18.00 horas. A proba foi presentada esta tarde na Praza Arquitecto Antonio Palacios polo alcalde Alejandro Lorenzo; o concelleiro de Deportes, Abel Estévez; o presidente do Moto Club Papaya, Joaquín Agra e algúns dos pilotos participantes.
Durante a presentación, o alcalde Alejandro Lorenzo destacou a importancia deste evento para o municipio enmarcado nas Festas do Cristo 2025, “sendo un referente que cada ano reúne a veciños, afeccionados e visitantes arredor dunha paixón compartida polas dúas rodas. Desde o Concello seguiremos apoiando este tipo de iniciativas que dinamizan a vida social e deportiva da nosa vila”.
Con vinte edicións ás costas, o Dirt-Track Xacob Agra consolídase como unha cita imprescindible do motociclismo galego, combinando espectáculo, tradición e compromiso coa promoción do deporte local. A organización convida a toda a cidadanía a achegarse ao velódromo para gozar dunha tarde de emoción e velocidade. As entradas poden adquirirse no despacho de billetes o mesmo día. A proba conta coa colaboración do Concello do Porriño, Federación Galega de Motociclismo e Xunta de Galicia.