• A actividade terá lugar o luns 18 de agosto e as persoas interesadas poden anotarse ata o xoves no Rexistro

O Porriño, 11 de agosto de 2025.– O Concello do Porriño continúa coa súa aposta pola formación en emerxencias sanitarias e convoca unha nova sesión práctica de Reanimación Cardiopulmonar (RCP), aberta a toda a veciñanza e de carácter gratuíto.

A actividade, que ten o obxectivo de mellorar a capacidade de resposta cidadá ante situacións de emerxencia sanitaria, celebrarase o luns 18 de agosto, de 18:00 a 20:00 horas, na sala de usos múltiples do Pavillón Municipal 1, e estará dirixida a persoas de todas as idades. A formación será impartida por profesionais do sistema sanitario, que achegarán coñecementos clave para actuar con seguridade ante situacións de risco vital, como unha parada cardiorrespiratoria.

As persoas interesadas poderán anotarse ata o xoves 14 de agosto no Rexistro Xeral do Concello.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia desta iniciativa como parte da política municipal en materia de saúde e seguridade: “Formarse en RCP é unha ferramenta clave que pode marcar a diferenza entre salvar ou non unha vida. Quero que os nosos veciños e veciñas estean preparados e preparadas, porque cada minuto conta nunha emerxencia. Este tipo de accións reflicten o noso compromiso cun Porriño máis seguro e máis humano. Seguiremos apostando por este tipo de formacións, como vimos facendo dende hai tempo, porque salvar unha soa vida xa é un éxito total e absoluto.”

Esta actividade enmárcase dentro da estratexia do Concello en prevención, saúde comunitaria e formación cidadá, consolidando a imaxe dun Porriño preparado e comprometido co benestar da súa xente.