O Porriño, 5 de xullo de 2025.– O Porriño volve ser punto clave no calendario do motor nacional coa celebración do 58º Rallye Recalvi Rías Baixas, unha das probas máis emblemáticas do Supercampionato de España de Rallyes (S-CER), que hoxe percorre algunhas das súas etapas máis espectaculares.
O municipio volve acoller nesta proba un dos tramos estrela: Gondomar – O Porriño, cun percorrido de 11,45 km, que se disputa hoxe sábado en dobre pasada, ás 12:18 h e ás 17:18 h. Este tramo, pola súa complexidade técnica e espectacularidade, é considerado un dos máis decisivos do rallye, reunindo a numerosos afeccionados ao longo do seu trazado.
Ademais da relevancia deportiva, O Porriño tamén cumpre un papel central na loxística da proba. As verificacións técnicas e administrativas realízanse no municipio e, ao longo do día, as inmediacións do Pavillón de Deportes acollen un dos reagrupamentos oficiais, convertendo o Porriño nun punto neurálxico da organización.
Durante a presentación oficial do rallye, celebrada o pasado 25 de xuño na Praza Arquitecto Antonio Palacios, o Alcalde, Alejandro Lorenzo, subliñou o orgullo que supón para o Concello formar parte activa dun evento deste nivel:
“Acoller unha proba desta categoría é unha oportunidade para que O Porriño se vexa como o que é: unha vila viva, moderna, apaixonada polo deporte e con capacidade para acoller e organizar eventos de primeiro nivel”.
O Rallye Rías Baixas conta nesta edición con 12 tramos cronometrados e case 130 quilómetros de competición, nun percorrido que abrangue diversas localidades da provincia. Concellos como Ponte Caldelas, Gondomar, Nigrán e Salceda tamén forman parte do percorrido, con controis de paso e reagrupamentos. No caso do Porriño, a súa localización estratéxica, sumada ás súas infraestruturas e capacidade organizativa, convérteno nun aliado esencial para o éxito do evento.
O paso do rallye supón tamén unha excelente plataforma de visibilidade para o municipio, que será protagonista en retransmisións a través de RTVE, DAZN, TVG e nas canles oficiais da Real Federación Española de Automobilismo.
A través desta colaboración, O Porriño consolídase como referente deportivo e motor dun territorio que aposta polo dinamismo, a participación e o crecemento compartido.