O Porriño, 5 de xullo de 2025.- O Concello de O Porriño presenta, a partir de mañá, unha proposta de lecer estival que converterá o centro da vila nun auténtico mini parque acuático para a cativada. Durante os meses de xullo e agosto de 2025, todos os domingos pola tarde —agás o domingo 13 de xullo no que se celebra Porrigalia—, a Praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá un espazo de diversión acuática pensado para os máis pequenos e as súas familias.
Entre as 17:30 e as 20:00 horas, a praza transformarase nun parque infantil con múltiples atraccións: un tobogán xigante de 15 metros de lonxitude, inchables de auga, atraccións deslizantes e unha animada festa da escuma que, sen dúbida, divertirá á cativada. A combinación destes elementos garante unha tarde refrescante, segura e divertida para todas as idades.
Trátase dunha iniciativa gratuíta promovida polo Concello co obxectivo de ofrecer unha alternativa de ocio familiar durante os meses máis calorosos do ano. A actividade está aberta tanto a veciños e veciñas de O Porriño como a persoas doutras localidades que queiran achegarse a desfrutar dunha tarde diferente.
O Alcalde, Alejandro Lorenzo, salienta que “esta proposta non só contribúe a dinamizar o centro da vila e a poñer o foco na infancia, senón que tamén permite recuperar a Praza do Concello como un espazo fresco, aberto e accesible para todos, especialmente pensado para que os nenos e nenas poidan refrescarse durante os meses máis calorosos do ano. É unha actividade sinxela, divertida e ao alcance de todas as familias. Esa é a nosa idea: facer do Porriño un lugar vivo, acolledor e pensado para o benestar da xente.”
Con esta programación, o Concello de O Porriño reafirma o seu compromiso cun modelo de vila viva, inclusiva e pensada para o benestar da infancia e das familias. A Praza Arquitecto Antonio Palacios converterase cada domingo nun espazo de encontro, lecer e alegría, promovendo o uso do espazo público como punto de convivencia veciñal. Este verán no Porriño, os domingos son da cativada.