• A proba contou con 166 participantes e percorreu as vilas de Tui e O Porriño a través de natación, ciclismo e carreira a pé

O Porriño, 15 de xuño de 2025.– O Concello do Porriño acolleu este domingo unha nova edición do Tríatlon do Concello do Porriño reunindo a 166 participantes nun percorrido que conectou as vilas de Tui e O Porriño a través das tres disciplinas tradicionais do tríatlon: natación, ciclismo e carreira a pé.

A proba, organizada polo Concello do Porriño, coa colaboración do Concello de Tui e da Federación Galega de Tríatlon (FEGATRI), deu comezo ás 11:00 h desde a Comandancia Naval do Miño, en Tui, e rematou diante da Casa do Concello do Porriño, nun ambiente de gran participación e expectación.

O percorrido incluíu 750 metros de natación no río Miño, 20 quilómetros de ciclismo ata o centro do Porriño e, finalmente, unha carreira a pé de 5 quilómetros por un circuíto urbano. A proba desenvolveuse con total normalidade e seguridade, gracias a un amplo dispositivo de coordinación entre a Policía Local de Tui e O Porriño, Protección Civil, unha ambulancia básica, unha UVI móbil e máis de 100 voluntarios dos clubes deportivos locais.

Os vencedores e vencedoras da décima edición foron:

  • Circuito masculina: Alejandro Rodríguez Rilo, David González Borges e Lucas Riola Delgado.
  • Circuito Feminina: Carla Guisande Vieito, Ana Pérez García-Picher e Mirian Trigo Castro. 
  • Popular masculina: Martín López Mosquera, Daniel Feijóo Ferreiro e Javier Giráldez Piñeiro 
  • Popular feminina: Aida Valiño Gómez, Orsolya Andrea Simón e Joana Ruibal Pires. 

A triatleta galega Carla Guisande Vieito, campioa de España de Supersprint por Relevos e Duatlón Contrarreloxo, foi tamén a madriña desta edición. 

Na entrega de premios, o Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor o éxito organizativo e destacou o compromiso do municipio co deporte como ferramenta de transformación social:

“No Tríatlon do Concello do Porriño apostamos por un modelo de deporte que mellora a saúde, dinamiza o turismo e promove valores de convivencia. Ademais, quero agradecer expresamente a colaboración do Concello de Tui, da Comandancia Naval, así como o traballo impecable das forzas de seguridade, os voluntarios e os equipos sanitarios despregados. Sen eles, sería imposible garantir unha proba segura e de calidade como esta”.

A celebración desta décima edición consolida ao Tríatlon do Concello do Porriño como un referente no calendario galego, e reafirma o compromiso da vila cun deporte accesible, seguro e de calidade.