- No transcurso da gala entregouse o Premio á Arquitectura Antonio Palacios ao arquitecto portugués Eduardo Souto de Moura
O Porriño, 4 de xuño de 2025.– O Concello do Porriño foi distinguido co Premio de Recoñecemento Territorial durante a celebración da Stone Gala, acto central da feira internacional Stonegal 2025, dedicada á pedra natural. A gala tivo lugar nunha canteira de Atios e contou con preto de 300 asistentes, entre representantes institucionais e profesionais do sector.
O recoñecemento subliña a importancia do Porriño no desenvolvemento do sector do granito en Galicia e a súa contribución ao tecido industrial da pedra natural. O Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recolleu o galardón de mans de Alejandro Miras, Director Executivo da Stonegal. “Este premio pertence á veciñanza, ás persoas que traballaron e traballan nas canteiras, ás que están e ás que xa non están, e ás empresas vinculadas á pedra. Representa a nosa historia, a nosa tradición e tamén o compromiso co futuro do sector”, sinalou o Alcalde.
O rexedor lembrou ademais o forte impacto económico e laboral que o sector da pedra natural ten no municipio: máis de 250.000 toneladas de granito extráense cada ano no Porriño, converténdoo nun dos principais focos de produción de Galicia. Este ámbito de actividade xera preto de 4.500 empregos directos e indirectos, no marco do Clúster do Granito, consolidando O Porriño como un auténtico motor económico e territorial.
Premio á Arquitectura Antonio Palacios para Souto de Moura
No transcurso da gala entregouse tamén un galardón moi especial, o Premio á Arquitectura Antonio Palacios ao arquitecto portugués Eduardo Souto de Moura, polo uso sostido da pedra natural na súa obra. Proxectos como o Mosteiro de Santa María do Bouro, a Casa das Histórias Paula Rego ou o Estadio de Braga evidencian a súa forma única de integrar historia, materia e modernidade. O Alcalde do Porriño foi o encargado de facer entrega deste recoñecemento.
Souto de Moura é un prestixioso arquitecto portugués recoñecido internacionalmente polo seu enfoque rigoroso, sensible ao contexto e coidado na elección de materiais. Formouse na Escola de Belas Artes de Oporto e colaborou con mestres como Álvaro Siza. Fundou o seu propio estudo en 1980 e gañou recoñecemento co proxecto do Centro Cultural de Oporto. Foi galardoado co premio Pritzker en 2011 e o premio Wolf en 2013.
Outros galardoados
O empresario Octavio Ramilo Portela recibiu, a título póstumo, o Premio á Traxectoria Empresarial, en homenaxe á súa labor como fundador da empresa Ramilo. Entregou o galardón José Luis Romero, Director Institucional de ABANCA. Pola súa banda, Luís García Florido foi recoñecido co Premio á Traxectoria e Compromiso Persoal pola súa carreira vinculada á administración e ao desenvolvemento do sector mineiro en Galicia. Entregou o galardón José González, Conselleiro de Emprego.
Música e gastronomía durante a velada
A música estivo moi presente nesta noite tan especial da man das cantantes porriñesas Noemi Fernández, Laura Carmona e Erika Lewis, que acompañaron a velada con actuacións espectaculares que engalanaron a noite cun toque artístico, emotivo e profundamente local. Tras a cea cóctel, toda unha experiencia gastronómica con produtos locais “sobre a pedra quente”, o ambiente continuou coa sesión de Lysé DJ e a súa mestura de sons vibrantes e contemporáneos.
Stonegal 2025 continúa mañá, xoves, de 10:00 a 17:00 h, no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI), convertendo Galicia no punto de encontro do sector internacional da pedra natural.