- A homenaxe recoñeceu o paso de Laura Carmona polas audicións a cegas de La Voz Kids, onde, con só 14 anos, superou con éxito a primeira fase do concurso musical televisivo.
O Porriño, 15 de maio de 2025.– O Concello do Porriño rendeu este martes unha emotiva homenaxe a Laura Carmona, unha nova porriñesa de tan só 14 anos que vén de superar con éxito as audicións a cegas do prestixioso concurso televisivo La Voz Kids.
Durante o acto, celebrado na casa consistorial, o alcalde Alejandro Lorenzo quixo poñer en valor “o talento, o esforzo e a valentía” de Laura, destacando que “representa con orgullo a nosa vila e demostra que os soños poden cumprirse cando se traballa por ele”s.
“Laura emocionounos a todos cunha interpretación marabillosa, en galego, dun tema tan noso como Lela. Non só levou o seu talento á televisión nacional, senón que fixo que o noso idioma e a nosa cultura brillaran tamén nese escenario. Para O Porriño é un orgullo contar con unha artista coma ela”, subliñou o rexedor.
A actuación de Laura, quen escollera a versión de Dulce Pontes do tema composto orixinalmente por Castelao, conquistou ao xurado do programa desde o primeiro momento. Cunha voz doce e chea de emoción, conseguiu que un dos coaches virase a súa cadeira, garantindo así o seu pase á seguinte fase do concurso.
Natural de O Porriño, Laura leva cantando desde os cinco anos no coro dirixido polo seu pai. Ademais de cantar, tamén toca a pandeireta, algo de piano e órgano, e ten formación en baile. A música corre polas súas veas, pois tanto o seu pai como o seu irmán son guitarristas. Porén, o logro acadado no plató de La Voz Kids foi froito do seu talento e dedicación persoal.
Con esta homenaxe, O Porriño quixo recoñecer publicamente a traxectoria e o futuro prometedor dunha artista que, sen dúbida, dará moito que falar nos escenarios.