Continúa a conmemoración do 150 aniversario do nacemento de Antonio Palacios e desta vez faino na cidade de Madrid. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, desprazouse esta mañá á capital do país para participar na inauguración da mostra “Madrid metrópoli. El sueño de Antonio Palacios” que poderá visitarse ata o 6 de xullo no primeiro andar de CentroCentro. A exposición homenaxea ao ilustre arquitecto porriñés así como ao Madrid que ideou e construíu, a través de máis de 150 pezas, entre planos, debuxos, acuarelas, libros e fotografías, que percorren o legado de Palacios e a súa influencia na paisaxe urbana de Madrid.

A de hoxe foi unha nova proba de reforzo de lazos que comezara a tecer o propio arquitecto hai máis dun século e que tivo a súa última representación no acto de irmandade entre Galicia e Madrid celebrado na capital da Louriña. Logo deste encontro, o pasado mes de outubro, Alejandro Lorenzo volve coincidir co seu homólogo, José Luis Martínez-Almeida, para exaltar a figura deste célebre porriñés que a través da súa obra foi quen de tender pontes entre as dúas localidades, sen esquecer nunca de onde viña.

“Palacios non foi só un arquitecto brillante, foi un home con raíces profundas, que levou a alma da nosa terra a cada recuncho desta cidade. Con granito do Porriño e talento galego, axudou a construír o Madrid que hoxe admiramos. E nese granito está impreso o carácter da nosa xente: firme, humilde e loitadora”, remarcou durante a súa intervención no acto Alejandro Lorenzo, asegurando que, “O soño de Antonio Palacios é tamén o meu soño: o de ver como un porriñés universal sigue unindo a Porriño e Madrid a través do tempo”. E neste senso lembrou, de xeito anecdótico e dirixíndose a Martínez-Almeida, que “como sempre di vostede, alcalde, compartimos caseiro; pois os dous concellos, o de Madrid e o do Porriño, son obras do mesmo ilustre arquitecto e quizais por iso nos entendemos tan ben, porque ata as nosas casas consistoriais falan o mesmo idioma”. Lorenzo rematou a súa intervención animando a seguir o exemplo de Palacios “soñando ao grande, construíndo xuntos e honrando ao mellor das nosas terras”.

Os eixes arquitectónicos de Palacios en Madrid

Comisariada por Javier García-Gutiérrez Mosteiro e Julián García Muñoz, a exposición ofrece un percorrido exhaustivo polos proxectos de Antonio Palacios, quen soubo dotar a Madrid dunha monumentalidade que transcendeu o seu tempo e cuxa influencia marcou de maneira indeleble a paisaxe urbana da capital.

Despois dun espazo introdutorio no que se aborda a súa formación como arquitecto e os seus primeiros proxectos, se desprega o primeiro itinerario pola cidade: o eixe articulado polas rúas Maior-Sol-Alcalá, que Palacios monumentalizou con moitas das súas máis recoñecibles escenografías, como son o Círculo de Belas Artes, o Banco Español do Río da Prata (actual sede do Instituto Cervantes) ou o Palacio de Comunicacións, hoxe Palacio de Cibeles.

A continuación, exponse a intervención de Palacios no eixe de Gran Vía, a cuxa transformación contribuíu con obras emblemáticas como o Edificio Matesanz ou os hoteis Alfonso XIII e Florida. Acto seguido, os visitantes poderán coñecer o desenvolvemento urbano que se estendeu cara o eixe Prado-Castellana, onde Palacios deixou a súa pegada con intervencións como o Hospital de Jornaleros de San Francisco de Paula (coñecido como Hospital de Maudes).

O seguinte espazo expositivo amosa outro elemento fundamental da cidade contemporánea, o Metro. Palacios xogou un papel clave na súa imaxe, deseñando estacións, bocas de acceso e ata o icónico logotipo do suburbano.

A última unidade museográfica, definida como o eixe dos soños, ofrece un itinerario por algúns dos proxectos de Antonio Palacios que non chegaron a executarse, como a reforma da Porta do Sol, o Palacio das Artes ou a Gran Vía Aérea.

Visitas guiadas gratuítas para tódolos públicos

Para achegar a exposición ao público organízanse diferentes tipos de visitas guiadas gratuítas, individuais, en grupos, para familias e tamén adaptadas con intérprete de Lingua de Signos Española. Todas estas visitas poden comezar a reservarse a partir de mañá no portal web palacios.reservaspatrimonio.es