O Centro Sociocomunitario de Porriño acolleu hoxe a entrega de diplomas aos participantes do taller Cultiva a Mente, un programa impulsado polo Concello do Porriño en colaboración con AFAGA para promover un envellecemento activo e saudable. Este proxecto contou coa participación de 15 persoas maiores de 55 anos, quen, durante varios meses, traballaron na prevención do deterioro neurodexenerativo mediante actividades centradas na estimulación cognitiva, física, emocional e social.
O acto estivo presidido polo alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado pola concelleira de Política Social, Teresa Veloso, e o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, quen felicitou aos participantes. Lorenzo destacou a importancia de iniciativas como esta, subliñando que “coidar da nosa saúde física e mental non só mellora a nosa calidade de vida, senón que tamén nos permite manternos activos e independentes durante máis tempo” e reiterou o seu “forte compromiso coas persoas maiores, intentando responder ás súas necesidades e preocupacións”.
O taller Cultiva a Mente deseñouse como unha resposta integral para fomentar hábitos saudables e proporcionar ferramentas prácticas na vida cotiá dos participantes. Máis aló dos beneficios físicos e cognitivos, este programa tamén buscou fortalecer a capacidade dos asistentes para afrontar os desafíos actuais, desde o acceso á dixitalización ata o compromiso cunha vida activa e sostible.
Os participantes, que acudiron semanalmente ao centro sociocomunitario, destacaron o carácter práctico e dinámico das actividades, que lles permitiron non só adquirir coñecementos, senón tamén reforzar a súa autoestima e conexión social. Como sinalou o alcalde, esta actividade “non só lles ensina a coidar a súa mente, senón a entender que son parte activa de súa propia saúde. E é que a clave está en involucrar ás persoas maiores na construción do seu benestar, nunha contorna que respecta os seus ritmos e necesidades”.
O grupo retomará o programa á volta das vacacións de Nadal e desde o Concello anunciaron que crearán novos grupos ante a forte demanda.