A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, acompañada pola concelleira de Política Social, Teresa Veloso, visitou esta mañá a cafetería Lume, que alberga un programa de formación dual de hostalería desenvolvido pola Asociación de apoio ás persoas con diversidade intelectual (Aceesca). Trátase dun proxecto financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que conta coa colaboración do Concello do Porriño e permite combinar a formación coa atención ao público.

Según destacou Marta Mariño, o obxectivo é que as persoas con discapacidade intelectual poidan obter un certificado de profesionalidade para exercer un oficio e facilitar a súa incorporación ao mercado laboral ordinario. Mediante contratos de formación en alternancia a través de Aceesca e a práctica no centro habilitado, avanzarán na súa capacitación para que, unha vez finalizado o proxecto, poidan atopar unha oportunidade en empresas de hostalería da contorna.

Pola súa banda, Teresa Veloso incidiu en que “o dereito a un traballo digno comeza por unha formación axeitada. Vincular discapacidade e emprego é, sen dúbida, o primeiro paso”. A mairoes deste proxecto que solicitaron por vez primeira este ano, Aceesca tamén desenvolve un programa de formación dual en xardinería, eido no que xa levaran a cabo unha iniciativa deste tipo no marco da convocatoria ao efecto da Xunta 2019-2022. No caso da presente convocatoria, a achega autonómica global –na vertente de hostalería e na de xardinaría- supera os 167.000 euros.