O Concello do Porriño está a traballar na procura de financiación supramunicipal para a acometida integral da rede de saneamento. O executivo que preside Alejandro Lorenzo estableceu como unha das súas prioridades a de dotar de saneamento todas as vivendas existentes no Concello do Porriño e a tal fin desenvolveu a primeira planificación local dos proxectos pendentes de execución.

Na actualidade figuran no padrón 7.975 usuarios de saneamento no municipio, contando cunha lonxitude de colectores en servizo de 206 quilómetros. O Porriño conta, polo tanto, no seu ámbito territorial con 1.611 inmobles sen cobertura para os cales sería necesario executar 91,11 quilómetros de nova rede.

Nos últimos tres anos executáronse 17 obras de extensión da rede de saneamento,  concretamente 12 quilómetros de colectores que beneficiaron a 238 vivendas e máis de 700 veciños/as. Tal e como se indica no informe do técnico municipal, isto requeriu unha inversión de preto de 4 M de euros. “Pero queda moito por facer e estamos a falar dun servizo básico e esencial para a veciñanza, que non pode seguir sendo precario en gran parte do noso rural”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Na actualidade temos redactados 50 proxectos que darían cobertura ao 100% das vivendas do termo municipal. Un traballo de anticipación que nos permite estar preparados para optar a financiación da maneira máis eficaz e rápida. E é que o montante é moi alto e non pode asumirse polo Concello. Unha vez redactados estes proxectos detectouse que o gasto é maior do estimado no plan director, concretamente estas obras requiren unha inversión de máis de 16 M de euros para extender máis de 59,4 quilómetros de redes de sumidoiros que darían servizo a 1.247 vivendas”.

O Concello non ten recursos económicos suficientes para acometer todo isto, polo que, unha vez dispón dos proxectos, traballa xa para conseguir a colaboración doutras administracións e entes públicos, como Augas de Galicia ou a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, para executalo coa maior urxencia posible. “Non imos escatimar esforzos ata conseguir que toda a veciñanza do Porriño dispoña deste servizo e chamarei a todas as portas que sexa necesario para conseguilo”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo.

 

Listaxe de actuacións con proxectos redactados: