A Deputación Pontevedra abre hoxe, 16 de agosto, o prazo para que os maiores de 55 anos poidan inscribirse en +Benestar, que oferta 2.127 prazas para desfrutar de estancias en balnearios, talasos ou spas da provincia.

A través deste programa ofrécese unha estancia de seis días e cinco noites (con entrada os domingos pola tarde e saída os venres despois de xantar) nun hotel con balneario, talaso, spa ou outras instalacións de características similares da provincia de Pontevedra, en réxime de pensión completa e con actividades de animación sociocultural. 

O programa ofrece estancias de seis días e cinco noites nun establecemento termal para estas máis de 2.100 persoas empadroadas na provincia que deben cumprir algún dos seguintes requisitos: ter 55 anos ou máis, ou, no caso de non chegar a esta idade, contar cunha discapacidade superior ao 65%, ser pensionistas ou ter acreditado un respiro familiar. Das 2.127 prazas ofertadas, 2.097 das prazas están subvencionadas con 100 € por parte da Deputación, e outras 30 resérvanse para persoas en risco de exclusión, cunha subvención de 400 € sobre o custo total.

O plan provincial de termalismo social “+Benestar” 2024 ten por finalidade fomentar o envellecemento activo e aumentar a calidade de vida das persoas, ao establecer novas relacións sociais e favorecer que participen en actividades que melloren o seu estado anímico por medio de movementos de participación e cooperación social que promovan espazos de encontro e intercambio de experiencias co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que poidan levar á vulnerabilidade. 

O prazo de presentación de solicitudes para as persoas físicas será do 16 de agosto ao 5 de setembro de 2024. Presentaranse preferiblemente por vía electrónica da Deputación de Pontevedra ou ben achegándose ao Concello do Porriño onde se asistirá na presentación da solicitude.