A Xunta Rectora da UNED de Pontevedra vén de aprobar por unanimidade que a aula Uned do Porriño imparta un novo grao universitario. O Grao de Dereito súmase á oferta formativa do noso centro asociado xunto co de Traballo Social e o de Socioloxía, permitindo que a veciñanza poida estudar na vila tres carreiras universitarias.

O prazo de matrícula está aberto e desde hoxe as persoas que se queiran matricular en calquera dos cursos deste grao xa poden facelo no Porriño. “Unha gran nova e unha gran oportunidade para moitos veciños e veciñas que queren cursar estudos universitarios e non teñen a posibilidade de desprazarse”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, agradecendo “á UNED de Pontevedra a súa disposición sempre a atender as nosas demandas e ampliar a súa oferta na nosa vila, abrindo camiños e horizontes para os porriñeses/as e para o pobo”.

Na actualidade xa hai seis persoas matriculadas en graos na aula do Porriño, unha cifra que seguro se ampliará notablemente coa oferta de Dereito, unha carreira con moita demanda.

O proceso de matriculación na UNED é totalmente online a través da súa páxina web.