Chegou o día no que as rúas do Porriño enchéronse de ciencia! Esta mañá arracou ACIENCIACERTA, a I Mostra de ciencias na rúa/openscience, organizada polo Concello do Porriño co patrocinio de Zendal.
O fixo cunha apertura de luxo, recibindo a Concha Monje aos pés do Concello para conversar un ratiño coa mocidade do Porriño. Concha Monje é catedrática na Universidade Carlos III de Madrid e investigadora en Robótica Branda. Tal e como explicou aos nenos e nenas, a robótica branda é un campo de máxima actualidade con retos moi interesantes que afrontar, que permitirá que, no futuro, contemos con robots moito máis adaptables e seguros na interación cos humanos e a contorna. A sinerxia que se creou entre Monje e a rapazada acredita o enorme interese dos pequenos/as por aprender, polo coñecemento e pola ciencia.
Os robots non pretenden substituir aos humanos, están pensados para axudarnos
Concha Monje
Concha contoulles a súa historia e a súa carreira como muller científica de primeiro nivel e tamén respondeu ás súas curiosidades sobre a ciencia e ás máis persoais. Neste sentido quixo deixar claro que “os robots non pretenden substituir aos humanos, están pensados para axudarnos” e incidiu na necesidade manter o contacto humano nun mundo no que a tecnoloxía e a intelixencia artificial se impoñen. “Non podedes esquecervos de mirarvos aos ollos e non só as pantallas. Tedes que ter a capacidade de parar, apagar o móbil, a consola ou o ordenador e mirar a quen tedes ao lado. Porque son as relacións humanas as que quedan ahí, as que vos permitirán descubrir moitas cousas e o que máis vos reconfortará na vida”, explicoulles, “porque de iso vai a ciencia, de construír un mundo mellor. Ten o poder un poder transformador, o de cambiar o mundo”.
O coloquio contou tamén coa visita da madriña da mostra, a porriñesa Verónica Salgueiriño, e concluíu cunha enorme ovación dos rapaces e rapazas que disfrutaron cada minuto de conversa.
Tarde de danza, robótica e intelixencia artificial
A primeira xornada de ACIENCIACERTA continúou pola tarde, cunha interesante conferencia na que participou en primeiro lugar Roberto Iglesias, profesor de Intelixencia artificial e coordinador do Grao de Robótica da USC. Non virá só, chegará ao Porriño acompañado dun robot do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC, CiTIUS. Con el falou dos “Robots que aprenden xuntos. A cooperación robótica”. De seguido volveu Concha Monje a falarnos dos resultados do proxecto de investigación SOFIA.
O broche de ouro a esta primeira xornada foi a cargo de Janet Novás, a bailarina e actriz porriñesa recentemente gañadora dun Goya polo seu papel no filme “O Corno”. Janet puxo a súa arte a disposición dos porriñeses cunha peza de danza contemporánea que leva por nome “Feelings” e que xorde dunha letra de Nina Simone. Feelings é un traballo que nunca se definiu, naceu o día dunha morte e xurdiu coma un berro ou un pranto por esa perda.