A Concellería de Xuventude do Porriño, a través da OMIX, presenta unha nova edición do curso oficial de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre, a desenvolver en seis fins de semana de maio e xuño no Centro Cultural Municipal do Porriño, impartido pola Escola de Tempo Libre Scolé e a cooperativa Avada, especializada no sector.

Un primeiro curso desenvolveuse nos meses de marzo e abril nas instalacións municipais, pero debido á gran acollida e sobretodo ao elevado número de persoas que quedaron en lista de espera, o Concello do Porriño agarda poder respostar ás inquedanzas formativas e laborais da súa mocidade.

Os contidos do curso impartiranse seguindo unha formación mixta que combina a docencia presencial e en liña. Trátase dun curso de 200 horas, combinando a formación presencial de 125 h coa telemática, neste caso de 75 h, e cunha fase de prácticas obligatorias de 150 horas, a realizar unha vez rematado o curso.

O alumnado que remate o curso obterá o título oficial de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre e aprenderá a dirixir actividades para grupos de persoas menores ou maiores, e así dinamizar, coidar, entreter e sobre todo educar mediante as súas accións.

Este curso é requisito imprescindible para traballar en campamentos, conciliacións, granxas escola, ludotecas, parques de aventuras, obradoiros, extraescolares, centros socioculturais, establecementos turísticos…

Desde hoxe ata o próximo 1 de maio poderanse realizar as inscricións (daráse prioridade ás persoas empadroadas no Concello do Porriño ata o día 25 de abril) a través da seguinte ligazón

https://forms.gle/s8aWwSZZA3DcS2ei7