Tras un mes pechada por obras de mellora, a Praza Abastos do Porriño abriu as súas portas este martes e o fixo por todo o alto. Unha vez completados os traballos da primeira fase da mellora, que incluíron a renovación do pavimento, instalación de fontanería e eléctrica e reparación dos danos que presentaba a estructura, os praceiros e praceiras atenderon de novo aos centos de usuarios que hoxe pasaron polo mercado municipal para facer as súas comprar e coñecer as melloras.
 
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Mercados, Antía Carrera, acompañaron á conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, que hoxe se uníu á inauguración. Con eles estiveron a xerente do Instituto Galego de Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, e a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, así como concelleiros e concelleiras do goberno local.
 
“Con esta reforma daremos ese salto de calidade que necesitaba a nosa Praza de Abastos para transformarse de novo no centro neurálxico do comercio da vila”, explicou o alcalde, “Estamos máis cerca de conseguir o selo de Mercado Excelente de Galicia e de que a praza sexa de novo o foco de dinamización económica que foi antaño. Contamos cunha ampla variedade de produtos de alta calidade á venta, unha representación de todos os sectores: florerías, froiterías, peixeiras, carnicerías… e un incontestable traballo dos nosos praceiros e praceiras. Só nos quedaba por tachar o único dos requisitos que estaba pendente dende hai décadas: a mellora das nosas instalacións”.
 
O rexedor incidiu en que se trata só da primeira fase dun proxecto global que “modernizará e dinamizará a praza” e en que iso non sería posible sen o respaldo da Xunta de Galicia “que apoiou sempre este proxecto” e sen o “dos nosos praceiros e praceiras, que dende o principio traballaron con nós man a man. Moitas grazas por isto e por facer pobo”.
 
A conselleira destacou tamén esta infraestrutura como “punto dinamizador do comercio e da economía da contorna” e felicitou ao alumnado traballador da especialidade de Cociña “Porremprego Cualifica II”, que prepararon in situ uns petiscos elaborados con produtos da Praza de Abastos que puido degustar toda veciñanza.
 
Tamén os nenos e nenas tiveron o seu espazo, participando en obradoiros para eles na contorna da praza onde aprenderon xogando sobre os productos que ofrece o mercado municipal.