- A veciñanza poderá solicitar esta axuda municipal para conectarse ao sistema de saneamento
- O goberno local levará a pleno unha partida orzamentaria para a posta en marcha desta iniciativa, pioneira en Galicia
O Concello do Porriño ten rexistradas diversas solicitudes de conexión á rede de saneamento do río Loro para determinadas vivendas situadas topograficamente por debaixo da rasante do vial polo que discorre dita tubaxe, o que fai necesaria a instalación de sistemas de bombeo individuais, unha actuación que supón un coste adicional que debe asumir o propio usuario.
Neste senso, o goberno porriñés, no seu obxectivo de acadar o cen por cen do saneamento en todo o termo municipal resolvendo as situacións que requiren unha intervención máis complexa e que implica un gasto que repercute no peto da veciñanza, como o é esta, presentará unha liña de axudas destinada a quen precise a instalación dun bombeo, subvencionando ata o 90% do custe final. Para elo, o goberno local levará así ao vindeiro pleno unha partida orzamentaria específica para esta actuación.
A día de hoxe, logo do estudo preliminar realizado para acadar unha visión o suficientemente aproximada desta problemática, identificáronse un total de 53 vivendas que requiren da instalación dun bombeo para conectarse ao sistema de saneamento do río Louro. Por parroquias, repártese en: 13 en Mosende; 9 en Torneiros; 7 en Atios e outras tantas tamén en Cans e Pontellas; 5 en Budiño, 3 en Porriño e 2 en Chenlo.
“É primordial que dende as administracións públicas tendamos a man á veciñanza e poñamos tamén da nosa parte para acadar un obxectivo común como é o cen por cen do saneamento como prioridade e servizo esencial do Concello”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo. O rexedor porriñés preside ademais o Consorcio de Aguas do Louro, entidade dende a cal se está a impulsar tamén esta iniciativa, tentando introducila nos outros tres concellos que a integran (Mos, Salceda de Caselas e Tui) e para o cal dende o propio Consorcio se está xa a valorar a realización de estudos pormenorizados que abrangan o ámbito territorial dos concellos consorciados para identificar os problemas de conexión individual de todas as vivendas existentes nas proximidades das redes de sumidoiros, á vista da cantidade de vivendas identificadas de xeito preliminar.
Coa convocatoria destas axudas “Porriño convértese nun concello pioneiro en Galicia subvencionando o bombeo para as vivendas que non teñen a cota necesaria para o enganche á rede principal”, subliña o rexedor, á vez que lembra outras iniciativas xa postas en marcha como a eliminación da taxa anual polo baleirado das fosas sépticas e a redución do importe do servizo nun 60%.