Os autónomos e empresarios que aposten polo Porriño para desenvolver a súa actividade produtiva poderán beneficiarse de bonificacións no IAE e no ICIO de ata o 95%.
 
O Goberno Municipal levou a pleno o pasado luns a modificación das dúas ordenanzas fiscais que regulan estes impostos, co fin de promover a implantación e fixación de empresas no municipio e impulsar a actividade económica. Unha vez aprobadas inicialmente en sesión plenaria, estes acordos levaranse a exposición pública para poder aprobarse definitivamente e entrar en vigor.
 
No tocante ao Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) inclúense unha bonificación do 35% da cota ás empresas que utilicen ou xeneren enerxía renovables, un 40% ás que instalen puntos de recarga para vehículos eléctricos e bonificacións de ata un 95% para aquelas que creen emprego (95% para as que creen máis de 20 postos de traballo, 75% polos 11 traballadores e 50% para os que creen ata 10 postos de emprego).
 
Respecto do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras aplicarase unha bonificación do 95% da cota ás obras que sexan declaradas de “Especial interese ou utilidade municipal por concurrir circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento do emprego”; do 50% pola posta en marcha de proxectos empresarias de interese municipal e do 30% para a instalación de aproveitamento térmico ou eléctrico de enerxía solar, que será do 95% no caso de uso residencial.
 
Esta medida beneficiará ao conxunto da veciñanza e permitirá ao Porriño adquirir a condición de Concello Emprendendor.