O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo , decretou o inicio dos trámites precisos para que o Concello do Porriño se adhira a iniciativa de Concellos emprendedores. Co obxectivo de sumarse a este protocolo de impulso á iniciativa empresarial, o vindeiro luns levaranse a pleno as modificacións precisas nas ordenanzas fiscais que regulan os impostos do ICIO e o IAE, que permitirán completar os requisitos necesarios para solicitar a adhesión á rede.
“A declaración da Concello Emprendedor é algo que o noso tecido empresarial leva reclamando tempo e que beneficiará á veciñanza do Porriño, xa que facilitará o asentamento de empresas no noso termo municipal, e con elas a creación de emprego de calidade, e impulsará o emprendemento”, explicou o alcalde, “Con este acordo entre administracións facilitaremos o acceso a solo industrial e aportaremos estabilidade e seguridade xurídica, algo esencial neste momento para impulsar un proxecto empresarial”.
Así, o Concello comprométese a proporcionar ás empresas e persoas emprendedoras máis incentivos fiscais, con bonificacións de ata o 95% no IBI, IAE e ICIO a aqueles proxectos que impliquen implantación ou ampliación de empresas, simplificación administrativa e máis facilidades de acceso a solo industrial, con bonificacións e incorporación do dereito de superficie para favorecer o acceso a solo empresarial no Porriño.
Pola súa parte, a Xunta de Galicia establecerá unha discriminación positiva na ordes de axudas , que se convocan en réxime de concorrencia competitiva tanto a favor do concello como das empresas, autónomos ou entidades sen ánimo de lucro para a implantación de iniciativas empresariais no Porriño.