A vila do Louro acollerá os días 22, 23, 24 e 25 de xullo os xogos olímpicos do Porriño, Porrigalia. As festas que foron pospostas pola declaración de loito oficial na data na que estaban programadas, celebraranse nestes días para non pisar o resto de festas organizadas nas parroquias do municipio e poder cadrar axenda coas actividades que conformaban a programación. Así o acordou o Concello do Porriño en consenso coa hostalería local.
A festa, que mantén todas as actividades da súa programación, foi presentada hoxe polo alcalde, Alejandro Lorenzo, o Rei Castrexo, Pepo Suevos e uns convidados de luxo, Asterix e Obelix, que viu da man de Tonhito de Poi. No acto presenteuse tamén o novo himno de Porrigalia creado e interpretado polo alumnado de Maison.
As actividades arrancarán o sábado 22 pola mañá. Ás 11h desenvolverase o showcooking e obradoiro infantil na Praza de Abastos e ás 12h dará comezo o Gran Desfile que culminará co destrone do alcalde polo duida Panorámix e o acendido da chama olímpica. Xa pola tarde animación, batucadas e djs nas rúas e a a competición olímpica a partir das 20 h, que será como estaba previsto na rúa Domingo Bueno. Xa pola noite concerto de Beatriz Martínez e Festa dj, na praza Arquitecto Antonio Palacios.
A programación continúa o domingo 23 ás 12h. Será cando a gran comitiva olímpica volva desfilar ata a praza do Concello onde o Rei Castrexo procederá á lectura do pregón. Pola tarde continúa a festa dende as 17 h e a celebración das probas olímpicas ás 19 h. O broche de ouro á xornada será musical a cargo de A Banda da Balbina, que actuará ás 22h, e Dasoul e América de Vigo, que actuarán a partir das 23 h.
O luns 24 seguimos de celebración. As actividades comezarán ás 17 h coa Porrigalia Kids na que arredor de 200 nenas e nenos demostrarán que son verdadeiros gladiadores. Ás 19h showcooking de Pan do Porriño seguido dos concertos de Generación M e os King Kids. A noite chega forte e arranca coa Gran Queimada na praza a partir das 22 h. De Seguido o pasarrúas de Troula co seu espectáculo Lume que será ás 23 h e ás 00h, na rúa Domingo Bueno, actuarán os Heredeiros da Crus. Ao rematar o concerto, sesión musical con dj María Lamuela, Freitas, Dj Moy, DJ Enter e Freitas.
O martes 25 poñemos o fin de festa con festa para os nenos e nenas a partir das 18 h, na que haberá pista americana, inchables e festa da espuma. Ás 21 h actuarán os Gin Tonic e pecha por todo o alto La Frontera, que actuará ás 23 h na rúa Domingo Bueno. Tras eles, Traffic House e Raper Vocal Live.