O goberno municipal do Porriño, que preside Alejandro Lorenzo, levará nas próximas semanas a pleno a súa proposta de orzamento para o que resta de ano.
As contas que se presentan para rematar o exercicio 2023 ascenden á cantidade de 19 M de euros, incluíndo de forma equilibrada a totalidade dos ingresos e gastos previstos e respectando o obxectivo de estabilidade orzamentaria.
“É unha planificación económica ambiciosa, cun marcado carácter expansivo, xa que experimenta un crecemento dun 36,23% respecto do orzamento vixente, prorrogado de 2018, sendo o máis elevado da historia deste concello ao superar en 5 M de euros ao anterior”, explicou o rexedor, “Pero, sobre todo, trátase dun orzamento real froito dunha análise exhaustiva das necesidades primordiais do Concello, da xestión eficiente dos recursos públicos e elaborado con prudencia, rigor e pensando nun achegamento á cidadanía para dar unha resposta áxil e inmediata ás súas demandas máis urxentes”
O rexedor apuntou que a proposta que se levará a pleno está feita a medida para regularizar no que resta de exercicio a situación económica na que se atopaba o Concello, unha situación orzamentaria insostible que provocou ter que iniciar o ano con expedientes de modificación orzamentaria. “É un orzamento de transición, que nos vai permitir poder encarar os seguintes partindo dunha situación administrativa regulada e dunhas contas saneadas. Por iso, lonxe de rematar a tarefa con este documento, estamos a traballar xa no do 2024, no que poder dar cabida a cada unha das demandas da sociedade porriñesa”.
Eixos fundamentais de actuación: servizos básicos e programas de contido social
O novo orzamento céntrase en garantir a prestación da totalidade dos servizos básicos, así como dos programas de contido social: promoción e benestar social, axuda no fogar, gasto en educación, fomento de emprego, carencia enerxética, promoción do deporte de base, desenvolvemento cultural, etc., aumentando con carácter xeral todas políticas de gasto.
A liña principal de traballo marcada polo executivo para a planificación dos ingresos foi a de manter a carga impositiva municipal para este ano, o que supón un pequeno e necesario aforro para os petos da veciñanza. Para facelo posible, destinarase remanente para levar a cabo as inversións necesarias. No tocante aos gastos céntrase na dotación necesaria par atender aos compromisos adquiridos co persoal, proveedores e novas contratacións, destacando o incremento substancial da prestación de servizos a toda a comunidade, de maneira regulada e legal.
Hai que resaltar o compromiso do goberno por manter e reforzar os servizos sociais e a mellora dos servizos municipais consignando no orzamento a tal fin a maior porcentaxe de gasto, con 2 M de euros destinados a asistencia social.