O pregón de Helena Gayoso deu hoxe o pistoletazo de saída ao entroido máis inclusivo do Porriño. Como marca a tradición, a pregoeira, acompañada por Mara Vicente e Lara Villanueva, como ela gañadoras do concurso escolar de carteis do Entroido, subiu ao balcón da Casa Consistorial para dar inicio a estas festas ante unha praza ateigada.
Como mestre de cerimonias estivo o actor e humorista, Pepo Suevos, que volveu ao Porriño para acompañar ás pregoeiras no seu momento máis especial.
En palabras de Helena, a vila do Louro preparase para vivir un entroido “onde non hai barreiras, onde os sorrisos están debuxados en diferentes cores e onde a música soará en todos os idiomas. Así é e así será o noso: “Un entroido para todos”.
A pequena, de 11 anos e alumna do CEIP Xosé Fernández López, lembrou que dende moi pequena leva gozando destas festas grazas á súa avoa e á súa comparsa coa que desfilou por estas rúas cheas de alegría e animación. “Recordo que cando chegaba a esta praza levantaba os ollos mirando hacia este balcón…, quen me ía a dicir a min que hoxe ía estar eu aquí!”.
Helena quixo tamén recordar “a eses nenos e nenas que a guerra e os conflitos no seu país lles roubaron o sorriso” e tampouco quixo esquecerse deses pequenos e pequenas “aos que as catástrofes naturais non lles permitirán vestir hoxe os seus disfraces”. Agradeceu tamén ao Concello e o alcalde o feito de ser elixida como pregoeira e aos mestres e mestras do seu cole, o CEIP Xosé Fernández López, “por ensinarnos e educarnos nestes valores de inclusión social”.
“Clara-mente comeza o entroido, e perdón que vos sal-pique porque os do Porriño no entroido non choran, os do Porriño no entroido troulean”, concluíu arrancando un nutrido aplauso da praza que culminou co sentido “VIVA O PORRIÑO e VIVA O ENTROIDO”.
Pero a cousa non quedou aí, xa que o público asistente ao pregón decatouse de que hoxe era o aniversario do Alcalde, Alejandro Lorenzo, e cantaron a coro o cumpreanos feliz ao rexedor, acompañados polo expontáneo son das charangas. E agora si que si, comeza o Entroido na vila.