O Concello do Porriño vén de presentar á Xunta de Galicia o seu proxecto para a implantación do transporte urbano municipal incluído na Rede de Transporte Público de Galicia.
A proposta, que tivo unha boa acollida por parte da administración autonómica, inclúe varias liñas de autobuses que conectarán todas as parroquias do municipio e o centro urbano e darán servizo aos dous grandes polígonos industriais. Estas estableceríanse grazas a un convenio entre o Concello do Porriño e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que xestiona as concesións do transporte público de toda Galicia.
“Os veciños e veciñas do Porriño, tanto das parroquias como do centro urbano, teñen que ter a posibilidade de moverse por todo o termo municipal facendo uso do transporte público”, afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “A proxecto co que traballamos xa coa Xunta de Galicia inclúe varias liñas que conectarán as parroquias co centro urbano e tamén dúas lanzadeiras que darán servizo aos polígonos de As Gándaras e A Granxa con catro frecuencias, algo de vital importancia e moi reclamado polas empresas e traballadores da zona industrial”.
O rexedor agradeceu a disposición da “Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para facilitar a posta en marcha deste bus urbano á maior brevidade posible. É un servizo do que non dispoñemos e que precisamos dende hai tempo”.
Beneficios para os usuarios e usuarios
Os usuarios e usuarias do bus urbano do Porriño beneficiaríanse de todas as vantaxes da Tarxeta da Mobilidade de Galicia, TMG, disfrutando de de descontos, bonificacións e transbordos gratuítos en todo o territorio galego.
Ademais, os menores de 21 anos poderán viaxar totalmente gratis ao estar incluídas as liñas municipais na Tarxeta Xente Nova.
O Concello do Porriño traballa xa na aplicación dunha serie de bonificacións específicas a maiores para a súa poboación.