Axentes da Policía do Porriño recibiron hoxe o emocionado agradecemento de Jesús Pérez, un cidadán ao que atenderon o pasado mes de xullo cando sufríu unha parada cardiorrespiratoria na vía pública.
O home, veciño de Atios de 80 anos, e a súa muller, estiveron en contacto dende entón cos axentes que se preocuparon da súa evolución, que está a ser satisfactoria. Hoxe quixeron recibilos na súa casa para agradecerlles en persoa o seu traballo e a atención recibida.
Os feitos tiveron lugar o pasado 19 de xullo na céntrica rúa Ramirás, cando Jesús circulaba no seu vehículo e sufríu un paro cardíaco quedando inconsciente no interior do coche no medio da calzada.
A patrulla, equipada cun equipo DESA desprazouse ao lugar e en tan só dous minutos estaban atendéndoo. Ao chegar e comprobar que non respondía aos estímulos procederon a realizar as manobras de reanimación cardiopulmonar, utilizando o desfibrilador do coche patrulla ata que se estabilizou e foi atendido polos servizos médicos.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañou aos axentes a petición de Jesús que quixo que tamén estivera con eles. Lorenzo salientou o “humano e emocionante deste momento. O que viviron ese día o recordarán sempre todos eles, coa sorte saber que está ben e recuperado, que é o importante”.