O Concello do Porriño vén de resolver as axudas municipais dirixidas a asociacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolven accións no eido da educación. A administración local dispuxo un total de 21.000 euros para axudas ás ANPAS do municipio e efectuou xa o primeiro pago -80%- ás asociacións beneficiarias.
 
En total foron tres as Anpas que solicitaron e xustificaron as axudas: a ANPA do CEIP Plurilingüe de Atios que o fixo para o Aula Madruga, a do CEIP Cruz Budiño, para actividades extraescolares e saídas culturais, ANPA Alborada para actividades extraescolares e a ANPA Oliveira para saídas culturais.
 
Cabe destacar que estas achegas suspendéranse os dous últimos cursos escolares pese a contar con partida no orzamento. O novo executivo local decidiu retomalas ao consideralas vitais para o correcto funcionamento da comunidade educativa.
 
A concelleira de Educación, Carolina González, quixo destacar “o fundamental labor que desenvolven as asociacións de nais e pais dentro da comunidade educativa, sobre todo no tocante á organización de actividades extraescolares tan importantes para os alumnos e alumnas e para facilitar a conciliación familiar”.