O Concello do Porriño, a través das concellerías de Normalización Lingüística e Igualdade, vén de publicar a súa primeira Guía de Linguaxe Inclusiva. “Trátase dun documento que constitúe unha ferramenta práctica para non perpetuar na linguaxe os estereotipos e erradicar o sexismo e calquera tipo de discriminación nas actuacións administrativas, tanto no consistorio como fora del”, explicou a concelleira, Carolina González.
A través desta Guía de linguaxe inclusiva o Concello do Porriño pretende proporcionar, tanto ao seu cadro de persoal coma á cidadanía en xeral, unha ferramenta práctica e sinxela cunha dobre finalidade: evitar o uso sexista ou discriminatorio nos documentos administrativos públicos e resolver as súas dúbidas mediante a achega de solucións que proporcionen unha lectura fluída e non discriminatoria coa sociedade.
A tal fin, repartiranse 500 exemplares entre a veciñanza e o persoal municipal.
“Dende o Concello temos que ser os primeiros en dar exemplo e comunicar, tanto internamente como coa cidadanía, de maneira igualitaria e respectuosa”, concluíu a concelleira.
Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que “a través da linguaxe interpretamos e poñemos nome ás cousas que nos rodean, creamos realidades. Por iso, a través dela, podemos contribuír a construír formas de pensamento máis igualitarias e respectuosas”.