O Porriño segue a ser a capital do running e así o demostrará este domingo coa volta dunha das clásicas tanto do circuíto galego como do nacional, “O Porriño 10K”.
A proba, organizada polo Concello do Porriño e o Atletismo Porriño, foi presentada hoxe polo alcalde, Alejandro Lorenzo, a presidenta do club Atletismo Porriño, Patricia Estévez, e o tesoureiro e coordinador da proba, Pablo Soto.
A 10K porriñesa é unha experiencia que todos os amantes do running deben probar e, nesta edición, ademais vén cargada de solidariedade e responsabilidade ambiental. E é que, tal e como explicou a presidenta do club “queriamos innovar un pouco e contribuír a un mundo máis sostible e por iso acordamos non facer a publicidade en papel e utilizar no seu lugar as redes sociais. Canto menos papel impreso mellor”.
Estévez, quixo agradecer a súa contribución “a todos os participantes, colaboradores e patrocinadores, aos pais e nais que traen aos seus nenos e, especialmente, aos voluntarios e voluntarias do Atletismo Porriño que se volcaron na organización da proba”.
Pola súa banda, o coordinador da 10K, Pablo Soto, extendeu o agradecemento “ao concello do Porriño por todas as facilidades que deu na organización da carreira dende o primeiro momento, en especial a Abel, concelleiro de Deportes, e Alejandro, e tamén a Outlet Sport, onde o sábado será a entrega de dorsais , e ao resto de patrocinadores “.
Soto, concluíu animando a todos os participantes a contribuír cos que máis o necesitan “entregando alimentos non perecedoiros ao recoller o dorsal”. Unha axuda que a organización poñerá a disposición do banco municipal de alimentos, SOS Porriño.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo agradecer ao Atletismo a “ilusión e ganas que poñen na organización da proba” e “que permitirá que de novo disfrutemos este domingo dun evento tan especial como a 10K, que demostrará unha vez máis que somos o Concello do Deporte. E o somos, sen dúbida, grazas aos nosos clubs deportivos”.
1.400 inscritos
A partir das 10 horas comezan as carreiras das categorías de menores, comezando polos Benxamíns, seguidos dos Alevíns ás 10:10 h e os Infantís e Cadetes ás 10:20 h. . A carreira na súa modalidade absoluta –de 5 e 10 kilómetros- ten programada a súa saída ás 11 h. Esta é a proba de maior atractivo para os corredores e o elevado número de inscritos así o pon de manifesto. Serán 1.400 atletas chegados de toda a xeografía galega os que probarán a mellorar a súa marca persoal no circuíto porriñés.
Chupetes e Pitufos
O broche final de ouro á proba o poñerán os runners máis pequenos. Ás 12:15 h darase a saída para a categoría Chupetes (nados a partir do 2018) e ás 12:20 o farán os pitufos (nados dende 2015 a 2017). “Cabe destacar que estas categorías non precisan de inscrición previa pero, por suposto, como cada ano terán a oportunidade de disputar a súa OP 10K”, concluíu a presidenta do Atletismo Porriño.