O novo goberno municipal, presidido por Alejandro Lorenzo, recurrirá o ditame da Deputación de Pontevedra que desestima a achega ao Concello do Porriño ao abeiro do programa REACPON.
O proxecto de humanización e prolongación da rúa Antonio Palacios presentado polo anterior executivo local para a súa financiación con fondos provinciais non acadou o 50% da puntuación requerida nas bases.
“Falamos de 645.000 euros que nos permitirían levar a cabo unha obra de gran interese para o casco urbano e moi demandada polos veciños á que non podemos renunciar por unha mala xestión”, explicou Alejandro Lorenzo, “Faremos o que estea nas nosas mans para recuperala, comezando pola presentación dun recurso de reposición para que se revise o proxecto”.
A rúa Antonio Palacios ten un gran tránsito, tanto rodado como peonil, polo que sería adecuado levar a cabo as obras precisas que garantan a seguridade peonil e de circulación, proxectar pasos de peóns sobre elevados, plantar árbores e ademais de dispor zonas de uso e disfrute para a veciñanza e a creación dun carril bici.