O Goberno Local reforza a presenza policial atendendo a unha das principais demandas da parroquia
Unha patrulla da Policía Local do Porriño vixiará os polígonos residenciais de Torneiros. A concellería de Seguridade Cidadá, que dirixe Abel Estévez, decidiu intensificar a presenza policial naqueles puntos que poden resultar máis conflitivos ou de maior afluencia.
Atendendo á reclamación dos veciños da parroquia, os axentes patrullarán unha zona que aglutina un elevado número de poboación, varios centros escolares e o multicentro polo que, en horas de entrada e saída, presenta aglomeracións e require presenza policial.
“Trátase dunha medida que os veciños de Torneiros levaban anos reclamando”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo, “Para garantir a seguridade nos núcleos residenciais de Torneiros requírese unha patrulla centrada en cubrir esa zona en exclusiva”.
Pola súa banda o concelleiro, Abel Estévez, mostrou especial preocupación polos accesos aos centros educativos onde “a presenza policial é esencial para garantir a seguridade dos escolares ás horas de entrada e saída”.