Alejandro Lorenzo convoca unha reunión da Comisión Municipal de Seguimento do Covid para avaliar a situación sanitaria no Porriño, á vista dos datos epidemiolóxicos desta sexta onda da pandemia.
A día de hoxe, O Porriño presenta 418 casos activos e unha taxa de incidencia de 1.925 por 100.000 hbts, segundo a última actualización de datos do Sergas.
A reunión da Comisión de Seguimento terá lugar mañá, xoves 30, ás 18,00 horas, presencialmente, no salón de plenos, onde se poden garantir as distancias de seguridade.
Por parte do goberno municipal, ademais do alcalde, asistirán tres concelleiros do goberno municipal: Abel Estévez, responsable de Seguridade; Carolina González, concelleira da área de Sanidade e Antía Carrera, delegada de Atención ao Cidadán. Todos os grupos políticos da corporación forman parte e están representados na Comisión Municipal de Covid. Tamén se convocan representacións da asociación de hostaleiros (AHOSPOR), comerciantes (ACIPOR) e vendedores da Praza de Abastos. Asimesmo convidouse a participar a unha representación do persoal sanitario do Centro de Saúde do Porriño.
A intención do goberno municipal, segundo explicou o alcalde, é que “sendo os concellos as institucións máis cercanas á cidadanía, temos a obriga de facer fronte ás necesidades máis inmediatas e, no marco das nosas competencias, garantir a seguridade do día a día da vila”, manifestou Alejandro Lorenzo. “Por iso analizaremos polo miúdocada unha das actividades que se desenvolvan nos vindeiros días, co fin de minimizar o impacto da pandemia na actividade do concello”, engadiu o rexedor municipal.