A alcaldesa, Eva Garcia presidiu hoxe a presentación do “Pinchoneno 2021” que terá lugar o vindeiro sábado 20 de novembro, baixo carpa e cun aforamento limitado a 200 participantes, no Parque do Cristo. O prazo de inscrición está aberto e as reservas realízanse no enderezo de correo electrónico pinchoneno@gmail.com ata o 18 de novembro.
Trátase dunha iniciativa que convocan a Concellería de Educación e a Oficina Municipal de Información á Xuventude (Omix do Porriño), coa colaboración de “Doppler Gestión Cultural” para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos.
A concelleira de Educación, Lourdes Moure explicou que “organizar o Pinchoneno é un compromiso plenario coa nosa infancia que querían ter unha versión axeitada para eles do Pinchorriño”. A concelleira volveu reclamar a colaboración da hostalería local para que fagan pinchos axeitados á infancia”, declarou.
Adrián Fragueiro, representante de “Doppler Gestión Cultural” informou que a actividade desenvolverase no parque do Cristo dende as cinco da tarde “cun catering saudable continuado ata as nove da noite enfocado aos nenos e nenas e co complemento de diversas actividades lúdicas”.
Entre elas, subliñar unha charla titulada “Isto é Pop” a cargo do xornalista e escritor Javier Becerra e a artista Carolina Rubirosa”, e outra charla motivacional a cargo do músico e actor Juan Manuel Montilla “Langui”, gañador de dous premios “Goya”, entre outros galardóns. E tamén haberá unha sesión musical a cargo de EmeDJ.
Finalmente, Laura Carmona, representante do Consello da Infancia e Adolescencia do Porriño transmitiu que “estamos moi contentos de que se retome a celebración desta festa por que os nenos e nenas do Porriño necesitamos sair e xuntarnos coa xente e non só para estudar”.