A Concellería de Infraestruturas que dirixe Pedro Pereira informa que as obras de humanización da rúa Manuel Rodríguez van comezar o vindeiro mércores 3 de novembro. A data foi elixida para evitar a coincidencia co mercado ambulante que para as vindeiras semanas será trasladado namentres duren as obras.

Pereira Fernández xa informou á AAVV de San Benito e San Sebastián do inicio das obras que teñen un prazo de execución de 4 meses. O mércores, o persoal da empresa adxudicataria, “Construcións Castro Figueiro” comezará co replanteo e inicio de traballos.

Este proxecto licitouse coa concorrencia de media ducia de empresas que presentaron plicas. O orzamento de saída foi de 391.322,95 € amais do IVE do 21% correspondente. O financiamento é con cargo a unha subvención do Plan Concellos 2021 da Deputación Provincial.

 

O proxecto de humanización contempla unha actuación no tramo da rúa Manuel Rodríguez entre a confluencia coa rúa Xogo da Ola e a praza de San Sebastián.

As obras consistirán no levantamento do pavimento, tanto na calzada coma nas beirarrúas; renovación das redes pluviais e fecais; renovación da rede de alumeado público; renovación da rede de abastecemento; preinstalación para as telecomunicacións e a rede de baixa tensión; nova pavimentación en granito e mobiliario e renovación da zona de xardíns.

Para facilitar as obras, hai días que o Concello procedeu a mudar a sinalización horizontal na rúa Xogo da Ola e no treito entre esta vía coa rúa Leandro Diz ate a intersección coa rúa Manuel Rodríguez.

Na rúa Xogo da Ola modificouse a sinalización viaria horizontal de aparcamento en batería na marxe esquerda en sentido descendente. E na rúa Leandro Díz ate a intersección coa rúa Manuel Rodríguez, eliminouse a liña de aparcamento da marxe dereita da calzada para habilitar dous sentidos de circulación.