A alcaldesa Eva García e os técnicos de ADIF especificaron hoxe nunha reunión telemática que o tramo de lousa que cubrirá o ferrocarril para eliminar o paso a nivel actual teña unha lonxitude de 320 metros. De xeito que a alcaldesa conseguiu que prosperase a petición municipal e que ADIF amplíe a lousa por outros 120 metros (60 por cada lado) con respecto á proposta inicial que aparecía no proxecto de obra, que era de 200 metros.
“Significa que co soterramento do tren imos gañar un espazo público moi importante que incluso nos permitirá abrir unha nova rúa e dar máis permeabilidade a esa zona, tanto para o uso peonil como para o tráfico de vehículos”, dixo Eva García, ao final do encontro.
“Debemos traballar neste sentido: mellorar o proxecto na medida do posible e resulte realizable porque moitas veces o ideal está reñido co que é factible”, valorou a alcaldesa.
A partir de agora, o seguinte paso xa será a negociación e sinatura dun convenio entre ADIF e o Concello do Porriño para determinar as condicións económicas da obra, que podería ter un orzamento aproximado de 22 a 24 millóns de euros segundo determinen finalmente os técnicos.
Respecto ao financiamento da obra por parte da administración central, asegurouse á alcaldesa que se achegará dentro dunha partida xenérica de ADIF nos próximos Orzamentos Xerais do Estado.
Audio coa valoración da alcaldesa despois da reunión.