Sergio Casal, concelleiro de Comercio e Noelia Conde, xerente da asociación de comerciantes do Porriño (ACIPOR) presentaron hoxe a edición número 24 da feira de oportunidades “Merca na rúa” que terá lugar a vindeira fin de semana do sábado 1 e domingo 12 de setembro, co patrocinio do Concello do Porriño.
Haberá 26 postos de venda, colocados na zona peonil, cunha ampla representación de sectores e produtos. “Desde roupa e calzado ata lencería, mercería, óptica e accesorios. E con descontos do 50, 60 e ata o 70%”, segundo indicou a voceira de ACIPOR.
O concelleiro Casal Quintas chamou “a toda a veciñanza porriñesa a acudir, participar e mercar porque fai falla o noso máximo apoio ao comercio local neste intre de dificultades”.
Neste ano 2021 non houbo feira en primavera, debido ás restricións pola pandemia.
Os organizadores anunciaron que os postos de venda estarán abertos o sábado 11 entre as 10:00 e as 21:00 horas; e o domingo 12, entre as 11:00 e as 20,30 horas.
Amais haberá actividades de entretemento e de lecer para cativos cun parque de inchables, xogos populares, títeres e personaxes de Disney.